condicións de uso

condicións de uso

Os "foros" de R ( foros.mundo-R.com) son un espazo pensado para resolver dúbidas técnicas e axudar a mellorar os servizos de R, no que poden participar todos os clientes en activo de R.

Os foros están xestionados por técnicos, polo que aquelas dúbidas relacionadas con temas comerciais, facturas e outro tipo de cuestións, deben ser xestionadas a través da web de clientes.

normas de comportamento

Buscamos que haxa bo ambiente, co que as normas de participación son as básicas de calquera foro: respecto e educación, tanto cara a outros usuarios, coma cara aos técnicos de R, cara a R ou calquera outra persoa ou empresa.

Recorda tratar outros usuarios como che gustaría que te tratasen a ti. Así que é importante respectar a orde, a moral e a orde pública, así como a honra e intimidade das persoas, tanto físicas coma xurídicas.

Avogamos sempre pola convivencia, así que queremos que te expreses comodamente na túa lingua, tanto galego como español.

moderación

Para xestionar a actividade dos foros haberá unha serie de moderadores que poden aprobar, modificar calquera mensaxe ou arquivo adxunto á mensaxe, ou eliminalo completamente se non se axusta ás normas e condicións de uso. Recorda, iso si, que é un foro técnico e a idea é escribir sobre a temática específica de cada foro concreto: dúbidas, consultas, suxestións sobre o servizo concreto e respostas a estas, pero sempre con cordialidade e respecto ás opinións, dignidade e imaxe de R ou doutros usuarios ou terceiras empresas

que tipo de cousas estarían prohibidas no foro?

vulneración das normas do foro

Aquelas mensaxes ou contidos prohibidos no foro, serán borrados. En xeral, R resérvase o dereito de non aprobar ou modificar calquera mensaxe que non considere apropiada, á súa discreción; R resérvase o dereito tamén a eliminar ou modificar calquera alias escollido polo usuario que considere inapropiado; tamén a posibilidade de activar a aprobación automática ou denegar esta a usuarios en función do seu comportamento pasado nos foros (baneo), ou en función da dispoñibilidade horaria de técnicos atendendo o foro.

Se como usuario consideras que algo publicado nos foros non se axusta ás normas, a dereito ou que atenta contra a túa imaxe, os teus dereitos de propiedade intelectual ou a dun terceiro, por favor, avísanos en R-al-habla@mundo-R.net ou a fala-con-R@mundo-R.net

R resérvase o dereito de comunicar ás autoridades ou a terceiros aos que se vulnere os seus dereitos o comentario realizado nos foros, incluíndo a identificación do usuario que o fixo, ademais de proceder á súa eliminación.

Os foros están aloxados en mundo-R.com, polo que se aplica as mesmas condicións de uso e a mesma política de privacidade.

participación

Participar nos foros é moi sinxelo. Só debes ser cliente de R, loguearte co teu usuario e contrasinais de cliente ou con certificado dixital e indicar un correo electrónico (por se necesitamos contactar contigo por privado por algún tema técnico tratado no foro). Sempre estarás identificado de forma privada en R, aínda que outros usuarios unicamente verán o alias que elixises.

Lembra que calquera contido que subas aos foros é responsabilidade única e exclusivamente túa. Así que se sobes contidos, debes ter os seus dereitos de propiedade intelectual. Isto exime a R de calquera responsabilidade que poida ser esixida polo tema. Recorda que R conserva a túa IP de navegación, polo que estás en todo momento identificado.

En caso de que un terceiro esixise responsabilidade a R polos comentarios ou manifestacións vertidas neste foro polos clientes-usuarios, que puideran atentar contra os dereitos á honra e intimidade de terceiros, R reclamará este usuario en calidade de responsable da infracción cometida.

Se un usuario deixa de ser cliente de R, non poderá publicar no foro, pero as súas mensaxes non serán eliminadas, ao terse publicado baixo un alias.

exención de responsabilidade

Dende os foros técnicos de R trataremos de botarche unha man en todo o posible e sempre teremos a mellor intención á hora de axudarche. Non podemos garantir ao 100% que sexa algo efectivo, porque hai cousas que nos escapan e tamén cometemos erros. Tampouco podemos responsabilizarnos de calquera efecto ou dano causado por seguir as indicacións que aquí se publiquen, xa que o propio usuario é o responsable das súas accións.

horario

Trataremos de contestarche o antes posible, pero dependerá, como sempre, da carga de traballo en cada momento. Fóra do horario laboral (de 9:00 a 19:00, de luns a venres non festivos) non podemos garantir a moderación, aprobación ou contestación de mensaxes.